Cando hai unhas semanas vin no blogue de Jesús, Crea y Aprende con Laura, falar dos memes de internet (término do que non escoitara falar ata entón) o que menos pensei e que me ía tocar a min tamén, ja ja Pero así foi. Hai xa uns días que a miña amiga e compañeira de claustro virtual, Miren, do blogue La Clase de Miren, convidoume a participar e por suposto aceptei o ofrecemento.
Para os que estades igual ca min, e non sabedes o que é un MEME DE INTERNET:
"O término meme de internet úsase para describir unha idea, concepto, situación, expresión e/ou pensamento manifestado en calquera tipo de medio virtual, cómic, video, textos, imaxes e todo tipo de construcción multimedia e colectiva que se populariza a través dun hipervínculo, foros, imageboard, sitios web e calquer outro difusor masivo como o son hoxe en día as redes sociais".
Este meme en especial, busca responder a catro preguntas acerca da nosa experiencia escribindo no noso blogue e invitar a outros tres blogueiros a recoller o testigo e continuar a cadea.
Estas son as preguntas:
1ª) Sobre que estou escribindo actualmente? O certo é que ultimamente non estou escribindo moito no blogue por dous motivos: por unha banda estou metida nun curso de Realidade Aumentada da Escola Virtual de Verán de Espiral, o cal me ocupa bastante tempo e por outra, este ano por diferentes razóns fíxoseme un curso moi duro e necesito desconectar bastante se quero voltar en setembro coas pilas ben cargadiñas. Feito este inciso, dicir que xeralmente escribo sobre as cosas que facemos na clase: os nosos proxectos, experimentos, recursos, saídas, ...
2ª) En que difire a miña escritura da de outros que desenvolven o mesmo xénero? Sinceramente creo que en nada. A maioría dos blogues e blogueiros que coñezo e admiro, ao igual ca min, escriben sobre as experiencias nas súas aulas co seu alumnado e sobre aqueles recursos que atopan ou elaboran, que lles parecen útiles para a súa tarefa diaria e comparten desinteresadamente. Imaxino que a única diferencia estará no "toque persoal" que lle damos cada un de nós a esa escritura.
3ª) Por que escribo o que escribo? Principalmente, porque quero que as familias dos meus alumnos e eles mesmos, vexan o fantástico traballo que fan e como se esforzan día a día para facelo e porque ao igual que eu me aproveito dos recursos que outra xente comparte quero tamén compartir os meus por se lle resultan útiles a alguén.
4ª) Como é o meu proceso de escritura? Procuro que as miñas entradas sexan claras e sinxelas de entender para todos (hai que ter en conta que os meus alumnos son de Educación Especial), normalmente con pouco texto e moi visuais e coloridas (con fotos a tamaño grande).
Para rematar, gustaríame compartir e convidar a participar neste meme a:
- Elena do blogue En el aula de apoyo
- Isabel do blog Las TIC en Primaria
- Anabel do blogue O recuncho das Fadas